montenoso

O noso socio Iñaki López consegue unha mención de honra no prestixioso Prix Ars Electronica

O noso socio Iñaki López a través do colectivo Montenoso acaba de recibir unha Mención de Honra no Prix Ars Electronica, o Festival internacional máis importante no ámbito da arte dixital e multimedia.
Dende 1987, o Prix Ars Electronica é un barómetro de tendencia recoñecido na escena das artes dixitais a nivel internacional. Cada ano o xurado, composto por persoas de prestixio no mundo da cultura dixital, outorgan os chamados “Golden Nicas”, considerados os Oscars do media art. As categorías son: Pioneir@s visionari@s do Media Art, Animación por computadora e efectos especiais, Arte Interactiva, A seguinte idea: Premio de arte e texnoloxía e Crea o teu mundo, adicado a xente nova. A categoría “Comunidades Dixitais” está aberta a proxectos políticos, sociais, culturais e artísticos, a iniciativas, grupos, e plataformas que estean empregando eficazmente as tecnoloxías dixitais e que dende aí estén a promover a responsabilidade social.
“Comúns rurais <link> comúns dixitais” é o título da proposta premiada no festival, na categoría “Comunidades Dixitais”. Un total de 2.703 aplicacións foron emitidas dende 77 estados para as seis categorías nas que se divode o festival. Os premios outorgaranse no Ars Electronica que se vai celebrar do 4 ao 8 de setembro na localidade austríaca de Linz.
Montenoso é un proxecto colaborativo, transparente e aberto, que xurde co obxectivo de promover e revalorizar as comunidades de montes veciñais en man común de Galiza e outros tipos de comúns rurais. O proxecto procura traballar os bens comúns como espazos de socialización e de transferencia de coñecemento.
O proxecto consta dunha plataforma online colaborativa que pon en relación as Comunidades de Montes do país a través dunha base de datos que vencella unha cartografía expandida, un sistema de visualización de datos, un noticiario e unha wiki semántica. Emprega para o seu desenvolvemento ferramentas de software libre e licencias libres como as creative commons.
Os montes veciñais en man común son un tipo de terras comunais que representan un modelo de propiedade que racha coa dicotomía clásica de público e privado, sendo unha alternativa de propiedade colectiva. A especifidade destas terras é determinada polo feito de que os propietarios son as persoas que viven no lugar, e non se poden herdar, senón que pasan de veciñxs a veciñxs.
Montenoso traballa con estas comunidades veciñais desde as súas realidades, nun micro nivel, combinando o potencial político e artístico dos sistemas dixitais con outras redes offline. Trátase dun grupo transdisciplinar de persoas que traballan dende as artes dixitais, o estudo dos comúns, a comunicación online, o empoderamento e axitación rural e a arquitectura social.
Está composto polos seguintes colectivos e persoas:
Rural Contemporánea: Iñaki López
Asociación Artesáns de innovación: Fran Quiroga
Fur Alle Falle: Vanesa Castro
Tecnoloxías Apropiadas: Alex Mikelinos
Constelaciones: Andrea Olmedo
Veñen traballando “cos pes na terra” con distintas comunidades de montes veciñais en man común como as de Argozón, Valladares, Mántaras, Torres-Vilamateo, Mouriscados, Guillade e Ombre, visitando os montes para coñocer de man dxs comuneirxs a súa situación, problemas, casos de éxito e necesidades. Un asunto recurrente é o falta de contacto entre elas, algo no que dende montenoso están a traballar, articulando conexións tanto online coma offline . Trátase dun espazo para que comuneiros e comuneiras de todo o país poidan unirse e compartir experiencias.
Pese a contar co apoio de institucións como o Medialab Prado, Intermediae, o GIST-IDEGA da USC, ou o Museo do Pobo Galego, ata o momento non contan con ningún tipo de financiamento. A precariedade caracteriza o proceso de traballo destes colectivos polo que dende montenoso aproveitase a ocasión para reinvidicar un apoio real das intitucións culturais galegas neste tipo de proxectos.

+ info www.montenoso.net

 

Compartir